Creatividade galega consolídase como un referente anual do sector do deseño en Galicia

Os autores anuncian a creación da primeira asociación galega de creativos publicitarios

Galicia ten talento e capacidade creativa. Así o avala a cuarta edición de Creatividade galega que vén de presentarse hoxe, unha recompilación anual dos traballos máis orixinais e innovadores dos profesionais galegos do deseño, a publicidade e a comunicación. Chechu Pérez, Eva Quintas e Alberto Dafonte son os autores deste anuario, os tres profesores da Licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas. Lanzaron este proxecto en 2006 como unha aposta pola promoción do bo estado de forma das empresas galegas do sector, que aseguran que demostran unha elevada competitividade. A publicación consolídase agora con esta nova edición como un referente para os profesionais.

Esmeralda L. Castro | Pontevedra
Galicia ten talento e capacidade creativa. Así o avala a cuarta edición de Creatividade galega que vén de presentarse hoxe, unha recompilación anual dos traballos máis orixinais e innovadores dos profesionais galegos do deseño, a publicidade e a comunicación. Chechu Pérez, Eva Quintas e Alberto Dafonte son os autores deste anuario, os tres profesores da Licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas. Lanzaron este proxecto en 2006 como unha aposta pola promoción do bo estado de forma das empresas galegas do sector. Esta nova edición, editada co apoio da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, consolida a publicación como un referente, que conta coa participación de máis do 80% das empresas do sector en Galicia. “Teño que celebrar esta cuarta edición, coa que xa se asenta o anuario, a pesar das dificultades que tivemos este ano para sacalo adiante”, sinalou Chechu Pérez. O profesor quixo agradecer tanto a colaboración das axencias, “porque son as que sempre preguntan cando vai saír e as que tiran desta iniciativa”, como das dúas institucións que fan posible a edición, “por amosar a súa aposta clara por continuar facéndoo”.
Asistiron tamén á presentación Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de medios da Xunta de Galicia, Ernestro Pedrosa, vicepresidente do Consello Social para o campus de Pontevedra, e un amplo aforo de representantes das asociacións profesionais de publicistas e deseñadores de Galicia. Sorprendido pola cantidade de achegas do anuario, Cabaleiro amosou a súa satisfacción con este traballo de investigación, “pois a comunicación é un dos sectores máis expostos á crise económica”, comentou. O secretario xeral subliñou a importancia do deseño, “non só pola súa vertente económica, senón polo plus de innovación creativa que achega”. Pola súa parte, Pedrosa definiu a publicación como “un proxecto pioneiro, que realiza unha importante labor de promoción nestes momentos difíciles”.

1.000 traballos en 250 páxinas

A volume reúne 1.000 traballos de 80 empresas en 250 páxinas. Son as mellores pezas gráficas realizadas nos distintos soportes publicitarios: logotipos e aplicacións corporativas, embalaxes, gráficas xerais e publicitarias, traballos editoriais, webs, audiovisuais, soportes exteriores e novos formatos. Amosa así o rigor do traballo das empresas galegas en todos estes ámbitos, nos que os autores aseguran que “demostran unha elevada competitividade”. O anuario reserva tamén un apartado para aqueles estudantes da Universidade ou dos cursos superiores de deseño de Galicia, que serán os futuros protagonistas da publicación.

Creación da primeira asociación galega de creativos

Os autores do libro avanzaron na presentación a súa intención de promover a creación da primeira asociación galega de creativos publicitarios, da man de todas as empresas coas que colaboran. “O carácter aglutinador de Creatividade galega fixo que se convertese no cerne deste novo proxecto, do que axiña teredes noticias e en breve vai dar moitas sorpresas”, salientou Chechu Pérez. O profesor subliñou a súa vocación integradora e o seu afán de colaboración coas asociacións existentes, como a Asociación Galega de Deseñadores (DAG) e coa Asociación Provincial de Axencias de Publicidade de Pontevedra (APAP). “Será unha plataforma sólida que reunirá por primeira vez todas as empresas de publicidade e os estudos de deseño a nivel galego”, destacou. Este proxecto nace como un foro permanente para aproveitar sinerxías e velar pola profesionalización e a dignificación do sector. Con este fin, Chechu Pérez animou a todos os asistentes a participar e sumarse a través da web de Creatividade galega, que xa recolle os obxectivos fundamentais da asociación e que en breve será renovada para converterse na súa voceira.

Share

Deixa un comentario