Chega un novo integrante á familia

En Creatividade Galega estamos medrando día a día e temos novos asociados que nos gustaría presentarvos. Hoxe tócalle á ourensá b2014

b2014 nace no 2009 da man de Pablo Álvarez e Germán Rodríguez na cidade de Ourense. Decidiron este peculiar nome tras facer un xogo de palabras para o que tomaron como punto de partida a afección que ambos comparten: o baloncesto. Tendo en conta que o Mundial de basket se celebrará en España no ano 2014 decidiron utilizar Basket 2014 como nome da súa nova aventura. O proceso de simplificación ao que someteron ese nome inicial ata chegar a b2014 vén da man de Pablo e da súa devoción polo clásico O Principiño, personaxe que vive no asteroide b612.

Está formada por tres integrantes; Pablo, Germán e Lina Pérez. Todos levan ás costas unha firme traxectoria profesional no mundo da publicidade e xuntos decidiron sacar adiante un novo proxecto.  As súas raíces fan que destaquen nas ramas do deseño e do marketing, aínda que ofrecen servizos plenos en publicidade, comunicación 2.0 e organización de eventos, sumando, cando é preciso, partners especializados en proxectos específicos. Saben que o mercado galego aínda ten moito que “educar” á hora de afrontar as novas tecnoloxías, polo que están a facer máis fincapé no mundo do social media.

Contan cunha carteira de clientes ampla e variada e aínda que a maioría son galegos, atopamos despuntando filiais de empresas españolas en México e Bulgaria. Destaca, polo traballo humanitario que conleva, AFAOR, unha asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense para a que están desenvolvendo o que chaman o Club+. Marcas como Chocolat Factory, Náutico San Telmo, Catering de Vilanova ou o Concello de Ourense son algúns dos actuais clientes de b2014.

Na busca de dar outro paso no seu crecemento, a axencia trasladouse recentemente,  a unha nova oficina na rúa Alejandro Outeiriño. Desexámoslle todo o mellor nesa nova aventura.

Share

Deixa un comentario